IX ÉPOCA

3.6.14

O Centro Galego de Fotografía no Casco Vello de Vigo

O autochamado Centro Galego de Fotografía é o resultado da existencia de excedente do Plan E: máis de 20 millóns de euros administrados, a golpe de ocorrencias e irregularidades, polo bigoberno municipal do BNG -coa connivencia do PSOE vigués e o silencio da Asociación de Veciños do Barrio, que servíu de correa de transmisión-, da mesma maneira que o foi a ruinosa Pinacoteca. Nace, como esta, morto e insostible, destinado a albergar unha parella de seguratas e a ter unha nula incidencia cultural ou social no barrio e na cidade. Estamos nun barrio paradoxalmente hiper-equipado, no que a intervención crítica debera ser a construcción de vivenda pública (coa correspondente política de realoxo e non de expulsión).
A absurda dispersión de coleccións artísticas nun radio de algo máis de un quilómetro no centro urbano (a chamada por alguén Milla de ouro cultural) pon de manifesto a alegría e falta de criterio e prioridades presupostarias. Resulta particularmente ridículo construir dous edificios de equipamentos (que, insisto, deberían ser vivendas), cando o MARCO,  carece de colección pero ten espazo, persoal e orzamento propio, todo moi axeitado para albergar tanto a colección fotográfica como a de pintura, almacenala en condicións idóneas e preparada para a súa consulta e exhibición cunha programación intelixente de mostras temporais.
Resulta ridículo, un despropósito e unha irresponsabilidade presupostaria, construir máis equipamentos culturais nun espazo urbano no que señorean, expropiados polo capital financeiro aos cidadáns aforradores, dous grandes edificios que deben ser devoltos ao pobo que os pagou: os dous centros culturais da antiga Caja de Ahorros Municipal de Vigo, situados en Policarpo Sanz. Máis pronto que tarde, esta reivindicación de municipalización ou acordo cívico para a súa autoxestión,   terá que formar parte do programa dos que queren  devolver a soberanía á cidadanía.
¿A  nosa alternativa? reconvertir en vivendas de promoción pública, para realoxo ou aluguer os edificios da Pinacoteca e do Centro Galego de Fotografía e realizar, de unha vez, un auténtico plan de rexeneración urbana do Casco Vello vigués, máis alá da parcial, desordenada, ilegal (as actuacións no Espazo Público, a rehabilitación do Pazo de Arias Taboada, o aumento de volume do Mercado do Berbés ou as escaleiras da rúa 2ª República, a rehabilitación de edificios na rúa Real para o Rexistro da Propiedade, incumpren flagrantemente o PEPRI Casco Vello) incongruente e derrochadora actuación das administracións públicas.

2 comentarios:

Voz en off dixo...

E do Barrio do Cura non ides dicir nada?

Vigoblog dixo...

Os comentarios de Vigoblog están abertos: aquí podes falar, se o desexas, do proxeto do Barrio do Cura