IX ÉPOCA

5.7.14

Feirantes: un asentamento ilegal consentido e propiciado polo Concello de Vigo

A cousa comezou cando os veciños de Navia protestaron pola instalación nas rúas do polígono das caravanas dos feirantes que durante a celebración das festas de Bouzas e Coia, asentaban nese barrio as súas vivendas ambulantes.

Segundo as informacións de prensa, a policía local viguesas actuou derivándoos cara os solares existentes baixo un viaducto da VG-20, na avenida de Ricardo Mella, á beira do río Lagares próxima á súa desembocadura.

No ano 2013, informaba La Voz de Galicia deste feito e daba conta das protestas deste colectivo de comerciantes por non dispoñer dun lugar axeitado para o seu asentamento provisional. Na mesma información, indícase a realización dos seus vertidos de augas residuais directos ao cauce do río, no que resulta, segundo as ordenanzas municipais de medio ambiente e a lexislación española e galega de protección das augas continentais, unha manifesta ilegalidade.

Onte, o mesmo medio de comunicación volvía a facerse eco desta situación, incidindo de novo na permisividade e mesmo o alento municipal a instalárense ilegalmente neste lugar.
Segundo fontes dos propios comerciantes, non contan cunha autorización administrativa en regra, como correspondería legalmente, senon coa mera permisividade das autoridades locais. Tamén indican que foron obxecto hai uns meses dunha inspección ambiental dos propios servizos municipais, que constataron o vertido irregular directo ao río.

Estes son os feitos. Feitos que poñen de manifesto un estilo de actuar do Concello de Vigo que roza a prevaricación. Incapaces de solucionar un problema real e de buscar alternativas viables para o asentamento destes comerciantes ambulantes, acuciados polas protestas dos veciños de Navia aos que quere coidar especialmente Abel Caballero pois pensa que non pode perder o que considera un viveiro de votos, optan pola inaceptable política do avestruz e pola permisividade cos infractores (que están, entre outras cousas a contaminar un cauce protexido), permitíndolles, de tapadillo, montar un asentamento nun lugar que, obviamente, nin está preparado, nin pode acoller un uso de vivenda temporal.

Non pode o Concello alegar ignorancia, pois a Policía Local coñece estes feitos e as súas circunstancias, como é fácil deducir do contido das novas que enlazamos, e da inspección ambiental realizada polos seus propios servizos mediambientais. E a Policía Local está obrigada a denuncialos e o alcalde de Vigo a impedilo, poñendo os medios necesarios para que, se así o considera, se poidan celebrar as festas á vez que os seus actores se acomodan nun lugar acondicionado adecuadamente e con todos os permisos e garantías legais e hixiénico-sanitarias.

Pero semella que esta práctica non é unha excepción, senon que comeza a ser a regra na actuación municipal, empeñada en satisfacer a tirios e troianos para non perder nin un só voto no exercizo responsable do poder. Este é o caso da absoluta permisividade coa ocupación discrecional do espazo público por terrazas dos bares, pola vía de deixar cair, sen resolver administratrivamente como corresponde, que hai vía libre de feito para ocupar as beirarrúas e non pagar, ademais, por isto; que aínda que exista unha ordenanza reguladora e unhas taxas por ocupación do espazo público, farase a vista gorda. Claro que sempre que a ocupación non sexa para unha actividade tan perigosa como un miniaparcamento para bicis de aluguer.

Dentro desta mesma filosofía, a recente autorización polo baixini, sen resolución nin acordo de ningún tipo que se coñeza, do uso da praia da illa de Toralla polos propietarios de cans coas súas mascotas. Novamente contentando a tirios e troianos (os de Toralla son poucos e poucos serán os empadroados en Vigo), elúdese o procedemento legal para actuar pola irregular vía dos feitos. Incapaces de ter unha política e un programa xeral -máis alá de medidas punitivas aplicadas ao tumtum e de ocorrencias circunstanciais- sobre o uso do espazo urbano e natural local polos animais de compañía, improvisan, sen mollárense, pequenas concesións que nada solucionan e que só producen novos problemas e a sensación de estarmos gobernados por políticos irresponsables.

O titular da nova de La Voz de Galicia, "El Concello no garantiza luz y agua a los feirantes  que pagan el servicio", parécenos menos axeitado o que utilizamos para encabezar esta entrada: o Concello, obrigado a cumprir e facer cumprir a legalidade, consente e promove, polo menos por omisión, un asentamento ilegal e o vertido de augas residuais sen depurar directamente ao cauce dun río ou o enganche non autorizado de tuberías á rede municipal de smidoiros.

Ningún comentario: