IX ÉPOCA

8.8.14

O Concello cambiará o que queda do pavimento tradicional da praza da Princesa

Nestes casos cómpre tirar da memoria:

A praza en 1903. Apréciese a disposición do arborado
No ano 2001 realizouse unha actuación de rehabilitación da Praza da Princesa (ver páxina 49 da Memoria-enlazada- do programa URBAN), seguindo estrictos criterios de respecto ao patrimonio, percurando non só a recuperación do pavimento existente e a reposición das lousas deterioradas, con criterios de despece, acabado e características similares ás tradicionais.

A ficha da Praza da Princesa do PEPRI Casco Vello incluída no catálogo de espazos públicos do Barrio [norma que obrigaba ao mantemento do pavimento e que foi incumprida descaradamente en 2009], alababa así esta obra:

O proxecto de Franco Rabuñal, Pintos Santiago e Toucedo Rodríguez (inscrito no programa Urban), constitúe unha das máis acertadas actuacións recentes. A devandita intervención unificou e ordenou a disposición do mobiliario urbano, así como propuxo a renovación do enlousado de granito e a plantación de arborado de desenvolvemento vertical arrodeando a fonte (F002). É salientable o uso do báculo tipo lanterna, o banco empregado (cun bo sistema de fixación) ou o deseño da marquesiña, xa que constitúen reelaboracións de elementos hoxe tradicionais nunha linguaxe contemporánea que permiten unha inserción harmoniosa sen provocar confusión na lectura histórica do conxunto e das intervencións realizadas. Para finalizar sinalar o esforzo realizado na ocultación das tapas de rexistro baixo o enlousado de perpiaño.

En 2009 realizouse unha innecesaria e agresiva obra de "mellora" que arrasou, entre outras cousas, con parte do pavimento tradicional substituíndoo por granito gris alba industrializado.

Os bancos colocados en 2001 e os pavimentos recén restaurados
Meses antes, Corina Porro xa intentara botar da praza aos sectores marxinados que, coma hoxe, utilizaban habitualmente este espazo, coa burda manobra de retirar temporalmente os grandes bancos colocados trala rehabilitación de 2001 (bancos novos que, por certo, nunca máis se soubo deles).

Novamente anúnciase que se quere volver a intevir, xustamente, na parte da praza que aínda conserva o seu aspecto e pavimento tradicional en perfecto estado (a falta de pequenas reparacións doadas e baratas). Preténdese tamén aumentar o arborado, esquecendo que o que agora ten reproduce con exactitude o número de exemplares e a disposición histórica.

Novamente temos que denunciar o sinsentido e derroche desta actuación que provocará por enésima  vez a perda de valor do que representa a fachada horizontal histórica do Casco Vello vigués.

Unha intervención que a ninguén interesa, agás aos habituais proveedores municipais de granito que fan o seu agosto coas humanizacións urbi et orbe que enchen Vigo de caros enlousados de pedra ou, se cadra, como denuncian en Xentrificación Vigo, de paso, persuadir aos excluídos sociais que usan habitualmente este espazo, para que se desacostumbren del a base de ter levantada a praza uns meses. A integración tranquila destas persoas pasa por outro tipo de iniciativas de axuda e apoio que non son as da pura e dura expulsión.

Sen embargo, debemos aplaudir que se interveña na eliminación dos engadidos que afean dende hai décadas os baixos comerciais das escaleiras que comunican Elduayen coa praza de Calatrava. Esperemos que, de paso, non fagan outra innecesaria defeita nesa praza, tamén rehabilitada a finais dos anos 90.

Ningún comentario: